2017-07-01. As primeiras cepas de albarello (contamos).

Xuño. A enxerta fíxose moi tarde. A planta máis no seu momento.

1-

Na planta, ocupounos meter na terra os enxertos de Albarello sobre Gravesac que no viveiro de 2016-17 por fin conseguimos. Como estaba previsto, dez do clon C (da Cividade) e dez do D. O lugar elixido foi o muro do fondoe mais o seguinte, no pico da parcela.

O resultado, de momento, mantennos expectantes, pois de dez do clon C saíron oito, mentres que do clon D só rebentaron sete. Pero, de iren arriba, todo un éxito.

Tamén se plantaron tres de albarello D sobre Fercal, dos que agromaron dous. Os dezasete lugares restantes destinados a este patrón cubríronse cos enraízados no mesmo viveiro 2016-17. Agromaron en principio todos.

2-

Enxertouse (tarde como dixemos) primeiro o clon D e a seguir o C. A orde nos bravos foi a seguinte: Castel, Couderc, SO4 e, finalmente 41B. É dicir, que a maior distancia temporal está entre o Castel-alba-D e o 41B-alba-C.

Hai que agardar aos resultados para facermos balance.

Non obstante, imos pór imaxes tanto das plantas que se enxertaron no viveiro como das grumanzas dos enxertado en campo (e dagunha puga).

Enxerta en campo:

 

Enxerta en viveiro:

3-

A finais de xullo, podemos dar resultdos definitivos par este ano.

Na planta, o barbado que presentou menos acertos foi o 196-17de Castel (prendeu un 70%). Sen embargo comportouse moi ben na enxerta.

Canto á planta enxertada no viveiro sobre Gravesac, similar número de éxitos. Un punto máis co clon C (80%).

O Fercal prendeu o 100%. Haberá que confirmalo na próxima campaña.

A enxerta seguiu esta orde canto ao número de acertos: Couderc (máis do 80%), Castel (70%), 41B (30%)e SO4 (20%). Nos dous últimos case hai que consideralo como fracaso. Haberá que agardar á próxima campaña para vermos se os resultados varían.

Para o ano, xa que logo, 28 plantas de C e 24 de D. En total, 52 plantas de albarello: o 50% máis ou menos das posíbeis. O Fercal pendente da enxerta futura, claro.

Finais de xullo de 2017.

 

 

 

Os nosos nomes-III

De como Xabrega pasou aser Xábrega, en dixital e, logo, nos papeis.

No dixital de La Voz do 18/12/2009. Cando a concelleira de turismo do goberno de Raquel Arias menosprezaba a actividade do Colado do Vento…

“En cuanto al sendero denominado Os Colados por este colectivo, la concejala dice que «aínda que non está recoñecido de xeito oficial, é percorrido habitualmente por numerosos excursionistas que se achegan aos miradoiros dos Cotarros» y agrega que «a única novidade é o cambio de nomenclatura que fai a asociación». Por lo que respecta a otra ruta que pasa por los molinos restaurados del arroyo Xabrega, Agrelo afirma que este itinerario «creouse hai xa cinco anos a través dun obradoiro de emprego municipal e presenta unha gran demanda turística». La concejala anuncia por otro lado que en breve plazo se pondrá en funcionamiento un nuevo taller de empleo, uno de cuyos objetivos será ampliar esta ruta.”

( Información completa, aquí)

Ah, tamén lle chega ben: confundir os cotarros cos colados, porque é o que se fai no texto, non? Chamáballe cambiar de nomenclatura -supoño- substituír Cotarro I por da Cividade e Cotarro II por do Boqueiriño. Estou sendo benevolente.

Pero o que me interesa é ver como aínda se lle chamaba Xabrega (acentuación grave, paroxítona).

Na contestación do Colado o nome aínda continúa intacto, claro isto publícase no blog do Colado, que burro! Pero poño a cita polo ben explicado que está e a referencia que fai a José Gómez. Mmmm.

A nosa Asociación prestouse a colaborar co Concello de Sober, ofrecéndolle entregarlle á institución local gran cantidade de trípticos, proposta de colaboración moi ben acollida polo alcalde José Gómez, a quen agradecemos o seu interese xa que, queremos lembrar, o Concello non dispón de folletos con mapas detallados para orientarse polo patrimonio de Sober e só oferta tres rutas de sendeirismo (Muíños do Xabrega – Ruta Sur do Camiño de Santiago – Viñedos da Ribeira Sacra) e unha polos miradoiros en coche. Ademais, todos sabemos que son moitas as persoas que se achegan a Sober preguntando polos Petroglifos e non se lles poden ensinar, ben porque non hai mapas correctos, ben porque a oficina de turismo esté pechada, ben porque nas rutas que oferta o Concello de Sober non aparece este patrimonio.”

Póñoo textual, pois isto foi o que se mandou á prensa, para logo vermos como o interpretan na famosa tradución que teñen que facer para publicalo, digo eu?

Xa que logo, volvemos a La Voz dixital 20/12/2009:

“Por último, señala que, en el caso de las rutas de los Petroglifos de Sober y de Muíños do Xábrega, se limitaron a elaborar mapas y textos explicativos. Las rutas de O Colado do Vento aportan, según la asociación, «mapas ben confeccionados, cos cales unha persoa pode orientarse sen guía», traducciones al castellano y al inglés de varios recorridos, y explicaciones de hechos patrimoniales, ignorados por las administraciones, para darles un hilo conductor.”

(A información completa, aquí)

Estábase trasladando, como tantas veces se fan os medios, o que o colado dixera. E de paso modificábase a toponimia. Consciente ou inconscientemente, inconsciente os executantes pero sabedores os que predican iso de “manter os nomes é cousa menor”. Pero xa o sabía Castelao e antes Feixoo (o noso crego ilustrado do XVII). Os pobos o último que perden é o seu nome. Que nolo digan a nós que non sabemos que o noso apelido García antes foi nome de rei (de Galicia, claro).

O seguinte paso tén que ver como nos manexamos en internet. O famoso google.

Se buscamos habitualmente en español imos atopar antes a deturpación de La Voz que o auténtico de O Colado. E a partir de aí todo o que vén despois.

Na primeira festa case todo o que vexo pola internet está correcto: Xabrega. Na segunda, é singular un vídeo de Carlos Rueda en You Tube que mantén a forma correcta. Pero, xa na III edición, noutra visualización, creo que promocional, vemos o proparoxítono Xábrega. Ben é certo que nunha ocasión que está en maiúsculas XABREGA está correcto. Por iso de que se pensa que as maiúsculas non hai que acentualas: craso erro, meus.

Logo vino tamén noutros blogs: perrunadas.com debe ser un dos maiores difusores do cambio; ben cumpriría indicarllo á nosa amiga Paula. Pero hai moitos outros, faceeboks, etc.

Contamos co compromiso dos organizadores da Festa dos Muíños do Xabrega para a corrección desta deturpación. E abofé que hai que ver a camisola deste ano: en maiúsculas “MUÍÑOS” e “XABREGA”. Saben que muíños leva til e Xabrega é paroxítona. E saben ademais que as maiúsculas se acentúan graficamente de o precisaren.

Moitas grazas.

Os nosos nomes – II

Xa hai tempo que teño parte da información. Algunha outra apareceu o día da camiñata do club Acivro polo Canón do Sil, na que participamos con entusiasmo xente do Colado do Vento e onde recibimos unha extraordinaria consideración e amabilidade por parte dos membros do grupo e nomeadamente de Alejandro.

Dous aspectos cando menos e, se cadra, outros que aparezan ou que un trae no maxín acotío.

Miradoiro de Santiorxo (dito sexa de paso, desde alí vese o río pero non as viñas de Lobeiras ou Leiredo: os piñeiros da reforestación, claro) e placa de ferro colocada no chan a xeito de cartaz informativo. Remodelouse non hai moito esta atalaia. Non imos entrar na conveniencia ou non. Quedou  bonito e sobrio. Mais, no mapa que, en ferro, se gravou no chan, lemos Castro Caldelas. Nós tiñamos entendido que desde alí era imposible ver O Castro -que dito sexa de paso é como os de Lemos lle chamamos á vila que no nomenclátor oficialmente é Castro Caldelas-. Sempre iamos á “feira do Castro”. E non se dá visto e iso que está ben alto; pero non se ve. Ah, o punto do mapa-gravado no que está situado é o lugar que lle corresponde a Castro (en Parada de Sil), que nin leva artigo nin é “Caldelas”. Non sei se foi un problema do informante ou do informado. O que fica gravado en ferro é moi difícil de corrixir. Por cousas menos artísticas, cambiouse parte da nosa historia! Vexan a imaxe.

Santiorxo_cartaz-01

E preguntaranme vostedes que que é ese miradoiro de Cotarro? Outra brincadeira da desinformación que non nos agrada, que nos molesta, por ser suaves. Por onde está situado o número 5, dáme que se refire ao miradoiro do Colado da Cividade, xusto ese que deseñou a arquitecta Isabel Aguirre, veciña nosa pantonesa. Quen pasou a información segue aínda con aquilo de cotarro I e cotarro II, que deus teña na súa gloria grazas a actitude receptiva do actual alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, que non dos anteriores.

O segundo cartaz está colocado ás nosas costas (e vertical), pero ten a información nominal e xeográfica correcta. Claro, que para situármonos habemos de virar a vista 180 graos (de ida e outros tantos de volta) para cada lugar que queiramos recoñecer. E non sería mellor colocalo polo oeste? Só serían 90 graos para cada lado; ben máis económico. Ademais, estaría orientado cara aos piñeiros que nos impiden ver a fermosa ribeira de Lobeiras e Leiredo, como antes se dixo. Tamén fixemos foto.

Santiorxo_cartaz-02

Como prometín un segundo tema (non haberá terceiro, que se alonga o texto), aporto outra imaxe. Pinol de Baixo. Este letreiro púxoo alguén do lugar, reproducindo a fala dos veciños, non ningún organismo oficial. De ser así, poñería Pinol de Abaixo, como recolle o nomenclátor. Xa lle trasladei este problema ao experto en toponimia, o meu amigo e profesor Gonzalo Navaza. Aquí en Sober, todos os topónimos que precisan a situación superior ou inferior nomeámolos “de Riba” ou “de Baixo”. En cambio todoPinol de Baixos aparecen no nomenclátor como “de Abaixo” ou “de Arriba”. Eu lembro de antes o letreiro que puña “Barantes de Abajo”. E igual o que se fixo foi “retraducir”. Desde logo a fala dos que aínda vivimos aquí e se nos pode considerar informantes non se tivo en conta. E aseguro que todos sen excepción temos a solución “de Riba” e “de Baixo”.

Ah, hai unha excepción na escolla oficial: o nomenclátor recolle “O Piñeiro de Baixo”.

Certo que, como me argumentaba o profesor, habería que consultar os textos, os documentos notariais. Pero non fai falta. Os que eu teño visto e lido din Barantes de Abajo, por exemplo. Teriamos que ir a documentos en galego,  pois a tradución para calquera escribán da miña infancia e de antes era clara, evidente. Se nalgún momento temos máis información, traerémola a Leiredo.

Os nosos nomes

Pois, sen pretendelo, gusto da aliteración do título escollido. É un asunto (un problema?) sobre o que hai tempo quería escribir. Se agora o fago é pola reportaxe que acabo de ler en La Voz de Galicia, domingo e 27 de marzo, asinada polos aprezados Albo e Rueda, baixo o título de Hacia el castro de Vilanova por la ruta de Os Picotiños. Igual este texto noso é o comezo dunha serie, pois cando menos quero deixar constancia da forma con que eu lembro os nomes dos lugares polos que de neno andei. Aos meus anos, xa empezo a pensar que (aínda habendo outros que son doctos nese maxisterio, por exemplo o Quintín ou o Ramón do Novo), por como bebín os nomes dos meus tíos e meus pais, ben se me pode considerar un informante fiábel.

A Lingua Galega, a nosa claro, é abondo singular e sen demasiadas normas canto ao uso ou non do artigo cos nomes propios de lugar. Tanto é así que en Bolmente existe O Pacio ao tempo que Pacios; O Outeiro, desta parroquia, convive con Outeiro, que teño entendido tén parte en Proendos e outra en Sober; ollo: o nomenclátor pono exclusivamente na primeira freguesía. Hai máis exemplos: O Castro de Gundivós, pero Castro de Doade. Na outra marxe do canón, O Castro Caldelas pero Castro de Parada de Sil. E non hai normas. E non vale que, polo feito de que a tendencia sexa pórlles artigo aos propios de lugares, pensemos que todos o levan. Non.

Imos aos casos concretos. Certo é que, ao non estar fixada a toponimia menor, cómpre fiármonos do que sabemos ou escoitamos aos máis vellos e do que recollen os textos notariais ou administrativos. Véxase, logo: O Souto Vello é o nome dese fondo da ribeira de Bolmente que tan bos viños daba. O agro no que, eu lembro, se alternaba o cultivo de centeo, nabos e millo, é o agro de Coto (sen artigo).

Ben é certo que, no artigo referido, os outros nomes se axustan ao que son. Que sensacións ao escoitar (ler e ouvir no interior noso) Os Picotiños, A Costiña, A Riba. Quero agradecer especialmente que se poña Lobeiras pois a este topónimo tan suxestivo xa desde o catamarán lle puxeran artigo. Que teimudos e teimudas! Que non pasa nada por non ter artigo; e que? Un pouco máis adiante de O Souto Vello esta A Loupiñeira, de golpes (posibelmente) que non de lobos. E por enriba,  algo cara a diante, está O Souto do Noguedo xa perto do Castro da (de A) Cividade.

Se este é o primeiro dunha seríe, dirao o tempo.

Información (por favor, que fago!) o mapa do MOPU 1:25.000 que está en galego non é fiábel. Nin nos nomes, nin na localización dos mesmos. Vaian a el e concorden: A Cividade está á altura de A Nogueira da Laxa (que non aparece), cando debería de estar en fronte de Cerreda, á esquerda do Cotarro do Castro; Somoza vén sen artigo cando todos sabemos que é A Somoza (o regato da Somoza); o Cotarro das Boedas é O Cotarro das

0-Os nosos nomes-1
A Cividade e mais O Cotarro das Rodas

Rodas; non o crerán pero esas Canteiras xa as vin galeguizadas como Cantareiras (canta fama dá a internet e a tradución en liña!); por faltarlle até lle falta o artigo a O Noguedo.

Ah! Eu sempre crin que o Xuventino da Pereira fixera de modelo para o rostro de pedra.

Suso de Ver, desde a plataforma Leiredo.eu

Día de poda na Cividade

Antonte, xoves, tocou poda na Cividade.

Como sempre, acceso por barca. Eis, no seguinte vídeo, o avistamento da rega e a aproximación á viña. O desembarco foi farragoso, pois as pedras máis próximas á auga (3 metros tranquilamente) estaban cubertas de lodo aínda brando. Seguramente aliviaron o encoro a noite anterior.

O xantar, como sempre, no penedo. Lume feito de vides e restos de cepas, navallas á tella e tamén touciño entrefrebado. Non faltaron uns vasos de Cividade. De que ían ser!

A seguir, dúas secuencias: unha do regato que roxe por debaixo da pedreira, deixándose ver nas épocas de abundantes choivas e, outra, un momento da poda por debaixo da grande laxa.

Ao longo do día recolléronse pugas de Negreda, mais tamén, á última hora, de albarello; estas para o ensaio previsto en Leiredo.

Un día cómodo na minguante de marzo de 2016.

Nunca fun a Granada (Alberti)

A verdade é que xa fora a Granada, co alumnado do IES Val Miñor. Xa choveu.

Pero desta, que daquela non, fomos de andaina polo Albaicín e o Sacromonte, visitando tamén o Museo Cuevas del Sacromonte. Procede recomendar a visita por todo o que alí se agocha e explica sobre as vivendas escavadas na montaña, así como a actividade económica e cultura das xentes que as habitaron. Pero, os que vivimos na RS,  ao repararmos na colección da vexetación e explicacións conseguintes, non nos queda outra que, ollos como pratos, exclamar: o mesmo ca nós! Igualiño, mutatis mutandis, que no Sil, aquí en Lobeiras, fronte a Santa Cristina.

Que importante é a orientación sur, o sol do sur dixemos algunha vez. Por iso, pola orientación e a pobreza da terra, a seca e as temperaturas altas, alí mesmo se daba o cantroxo (lavandula stoechas); e o romeo (rosmarinus officinalis); e máis… Todos eles presentes no canón do Sil, maiormente na aba luguesa.

Gr_Romeo
Romeo
Gr_Cantroxo
Cantroxo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O que é de libro e convén ler para establecermos as semellanzas, tanta península polo medio, son as explicacións de por qué esa vexetación é posíbel?!

Vexamos o que di un dos cartaces explicativos: cartaz Sacromonte.