Ola!

Benvidos a Leiredo!

Web que mostrará aspectos da viticultura nesta parte da Ribeira de Lobeiras, en Barantes (Sober).

 

Consta este espazo web de unha páxina de Novas, na que colgaremos o discorrer da nosa actividade (pode que non sempre directamente relacionada coa viñas). A ribeira é un lugar amplo no que falarmos de case todo. A As viñas irán os asuntos das fincas que conforman Leiredo. A viticultura apunta a ser un espazo no que o home e viticultor se expresarán con afán de confundirse coas vides?. O viño aloxará os comentarios daquel que -para consumo propio- elaboremos. En O ensaio, expoñerase, de forma sistemática (pretendémolo cando menos), todo o relacionado coa experiencia sobre o albarelo imos levar a cabo.

 

Breve xustificación do dominio.

cropped-cropped-Panqueixos.jpg
Panqueixos

Leiredo.eu é un espazo web pensado e creado para dar conta da actividade vitivinícola que desenvolvemos nesa parte da ribeira de Barantes que porta ese nome tan suxestivo (Leiredo) e, para nós, próximo.

Leiredo confórmano unha serie de parcelas, todas estremando entre si por máis ou menos metros de linde, que chegaron a estar semi-abandonadas, (algunha a monte máis de trinta anos), ou non atendidas o suficiente e, sobre todo, traballadas sen ter en conta as propostas de reconversión que a andaina do CR Ribeira Sacra ditaba.

Por isto, ao facérmonos cargo do seu cultivo, fóronse re-enxertando de mencía aquelas variedades non autóctonas. Pero tamén se deixou lugar, nesa reconversión, para aquelas outras variedades tradicionais como a brancellao (que nós lle imos chamar en adiante pola sinonimia que a coñecemos, albarello) ou a merenzao. Ademais, fixéronse algúns enxertos de negreda e castellana (que así lle chamamos á tempranillo) e, en brancas, da branco lexítimo. Unha parcela tén unha parte de garnacha.

As pugas recolléronse maioritariamente na Cividade, viña na que se conservaron desde vello.

Por outra parte, as dificultades de cultivo que nalgúns casos nos daba a variedade albarello, sobre todo na floración e no control da carga (pero tamén na maduración), leváronnos a botar a andar un pequeno e modesto ensaio, xusto na parcela que levaba máis anos abandonada. Nel, analizaremos o comportamento do albarello sobre seis bravos diferentes. Eis, sen dúbida nesta última actuación, a razón principal da nosa andaina virtual.

LEIREDO. En Barantes de Sober. Na Ribeira Sacra.